Primavera feminista e inclusiva
O Plan Proxecta "Por 365 días de respecto e igualdade" do CPI Plurilingüe Cabo da Area preparou unha compilación de obras de carácter feminista para incentivar os proxectos da comunidade educativa do centro arredor da igualdade de xénero e a inclusión. Acada un posto preponderante a colección de novelas gráficas protagonizadas por Lola Vendetta, de Raquel Riba. O personaxe de Lola Vendetta naceu como alter ego da autora, cuxos deseños pretenden visibilizar as dificultades que sofren moitas mulleres na actualidade: a inestabilidade laboral, as esixencias familiares, os ciumes sentimentais, os micromachismos, a violencia doméstica, a vulnerablidade, a identidade sexual, a expresión das emocións... Pero, ademais, a través da súa protagonista, a artista gráfica pon de manifesto tamén a loita da muller cara a independencia, a procura da súa aceptación persoal e do amor propio, como abandeirada da liberdade e do ecofeminismo. Esta compilación atende tamén a outras realidades inclusivas, como o autismo. Títulos como O curioso incidente do can a medianoite; María y yo; La chispa; ou El niño que quería construir su mundo, abordan a realidade do trastorno do espectro autista, posto que proporcionan, desde o ámbito literario, as ferramentas necesarias para poder contribuír á mellora da súa calidade de vida e á súa inclusión na sociedade. Podedes acceder á publicación a través da seguinte ligazón: https://padlet.com/porteiro_ana/primavera-feminista-e-inclusiva-nh5k1j60n0tuy61q

Comentarios
Publicar un comentario