Algo entre nós
O alumnado de 2º ESO participou na dinámica "Algo entre nós" durante cinco sesións do segundo trimestre do curso. Esta plataforma interactiva centrada na prevención da violencia machista nas relacións adolescentes propuxo cinco retos á clase.
Mar Gómez, profesora de Inglés e titora do grupo de 2º ESO, levou a cabo esta dinámica na que o alumnado participou de xeito moi activo. A formación recibida permitiulles reflexionar sobre a realidade que os rodea e as experiencias que viven.
No primeiro reto, tiveron que crear os seus propios avatares (un masculino e un feminino) que debían representar o seu físico, vestimenta e personalidade.
No segundo reto, tiveron que poñerse na pel de adolescentes coma eles no seo dunha relación de parella. Reflexionaron sobre os mitos do amor romántico que moitas veces están asimilados pola sociedade como algo natural.
No terceiro reto, analizaron a escaleira da violencia machista a través dunhas mensaxes de WhatsApp que se enviaba unha parella. O grupo tivo que crear outras mensaxes para suplir as anteriores, neste caso libres de micromachismos.
No cuarto reto, deberon escoller unha canción e un vídeo carentes de contidos relacionados coa violencia machista. Houbo que repetir o reto para que o alumnado fose plenamente consciente de que, ás veces, a sociedade ten tan interiorizado o concepto do amor romántico que non é quen de detectar expresións moi comúns que abundan nas letras das cancións e que reforzan este estereotipo.
Por último, no reto final, o alumnado tivo que escoller os ingredientes imprescindibles para a construción dunha relación amorosa saudable e respectuosa para enchar a súa maleta viaxeira.
Comentarios
Publicar un comentario